CHOP 30/11/12

    O Complexo Hospitalario de Pontevedra foi declarado Hospital Universitario, nunha xuntanza da Comisión Mixta entre a Universidade de Vigo e o Servizo Galego de Saúde que tivo lugar este mes. Con esta declaración recoñécese o nivel de calidade e prestixio acadados polo labor asistencial, docente e de investigación do centro sanitario pontevedrés.

    Ata o de agora, o Complexo Hospitalario de Pontevedra estaba certificado como hospital asociado a Universidade de Vigo , coa que colaboraba na realización de prácticas pregrao en períodos no lectivos, e contaba con 22 especialidades acreditadas polo Ministerio de Sanidade para a formación postgrao.

    A declaración como Hospital Universitario supón que o centro sanitario pontevedrés poderá, a partir de agora, impartir tamén docencia pregrao, en períodos lectivos, na titulación de Medicina e noutras titulacións de ciencias da saúde.

    Coa declaración como Hospital Universitario se recoñece, pola Universidade e polo Servizo Galego de Saúde, a calidade excelente da organización, da capacidade resolutiva das especialidades que compoñen a súa carteira de servizos e da actividade asistencial, docente e de investigación levada a cabo polos profesionais do Complexo Hospitalario de Pontevedra.

Requisitos cumpridos

    No Complexo Hospitalario de Pontevedra creouse unha Comisión para impulsar este proceso de declaración de Hospital Universitario; e os requisitos que se esixen ós centros para acadar isto non están orientados unicamente á área da docencia (infraestrutura suficiente para o desenvolvemento da investigación clínica e científica, como aulas, bibliotecas, ou salas específicas para a investigación), senón que tamén abranguen o ámbito organizativo e de recursos humanos, como que exista unha carteira de servizos determinada, e uns ratios de persoal e de actividade cirúrxica e de consultas establecido.

 

    O Complexo Hospitalario de Pontevedra cumpre con todos estes requisitos de estrutura de xestión, servizos, e unidades establecido nas distintas áreas; e conta cun número amplo de pacientes e patoloxía que facilita a relación alumno paciente, e que permite ós alumnos facer diagnóstico, coidados e desenvolvemento do plan terapéutico.

    A Fundación para a Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Complexo Hospitalario de Pontevedra dá apoio e soporte á actividade investigadora de centro e ás liñas de investigación en curso e fomenta as actividades investigadoras mediante apoio administrativo, soporte xurídico e económico.

    O Complexo conta tamén con diferentes aulas polivalentes para a docencia e a investigación e dous salóns de actos, nos hospitais Montecelo e Provincial, para a celebración de seminarios, simposios, xornadas, congresos ou conferencias.

    No ámbito da actividade diaria, o aspecto docente reflíctese tamén na existencia dunha programación de actividades e sesións clínicas periódicas por servizo. Estes servizos teñen ademais unha serie de compromisos de actividade recollidos nos contratos de obxectivos onde se inclúen actividades e obxectivos neste eido que deberán ser acadados ó longo do ano.

    O Complexo Hospitalario de Pontevedra xa viña realizando un importante labor docente nos últimos anos, coa acreditación para a formación postgrado de especialistas en Medicina Interna, Dixestivo, Radiodiagnóstico, Rehabilitación, Traumatoloxía, Oncoloxía, Oftalmoloxía, Anestesioloxía e Reanimación, Cirurxía, Farmacia, Otorrinolaringoloxía, Dermatoloxía, Análises Clínicos, Xinecoloxía, Anxioloxía e Cirurxía Vascular, Psiquiatría, Hematoloxía, Microbioloxía, Pediatría, Psicoloxía Clínica, Medicina Familiar e Enfermería Osbtétrico Xinecolóxica (matronas). En total, 22 especialidades. Na actualidade hai 121 residentes en formación nos diversos centros santiarios da área de Xestión Integrada de Pontevedra e Salnés.

Avantaxes do recoñecemento universitario

A certificación como persoal universitario repercutirá de forma positiva, non só no aspecto docente, senón no ámbito da investigación e da propia asistencia. Permitirá abrir novas vías de investigación, participar en grupos de investigación de maior calado, ser máis competitivos á hora de se presentar ás distintas convocatorias; e, acceder á carreira docente.

No plano organizativo e asistencial, obrigará a manter uns estándares de calidade para manter a acreditación, que repercutirán de xeito directo en beneficio dos pacientes da área.

Para os estudantes de Medicina que proceden da zona suporá que poderán realizar amplos períodos de docencia programada, no curso lectivo, nun ámbito hospitalario de recoñecido prestixio, tanto polas súas instalacións como polos seus profesionais, e próximo a súa residencia

Anuncio publicitario