[de www.sergas.es

A directora xeral de Saúde Pública e Planificación, Sagrario Pérez Castellanos, participou esta mañá nunha xuntanza do Comité Executivo do proxecto GuíaSaúde, na que presentou a Guía sobre a depresión maior na infancia e na adolescencia -recentemente editada pola Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias, avalia-t, e que acaba de ser incorporada ao catálogo de Guías de Práctica Clínica (GPC) de GuíaSaúde- e o proxecto BiblioSaúde da Consellería de Sanidade. GuíaSaúde é un organismo do Sistema Nacional de Saúde que ten por obxectivo principal promover a elaboración e uso de GPC que axudan á toma de decisións sobre o manexo clínico das patoloxías e evitan a variabilidade na práctica médica. As guías, utilizadas dende a década dos 90, téñense convertido en importantes documentos para orientar a práctica clínica e establecer estándares de referencia para mellorar a calidade da atención.

 A Consellería de Sanidade ten colaborado moi activamente nesta iniciativa dende o seu comezo. Ademais do Comité Executivo, participa en diversos grupos de traballo coordinados por GuíaSaúde; algo que fai a través de avalia-t, que desde hai dous anos é tamén responsable da dirección do Comité Científico de GuíaSaúde. Así, na reunión presentouse a Guía sobre a depresión maior na infancia e na adolescencia, coordinada por avalia-t que desde hai 15 días está incluída no catálogo de GuíaSaúde. Para o seu desenvolvemento creouse un grupo de traballo de profesionais da Consellería de Sanidade e contouse con cerca de 40 colaboradores, expertos e revisores externos. Nela participaron ademais quince sociedades científicas e asociacións de pacientes. Avalia-t avalia-t consiste nunha unidade que asesora á Consellería de Sanidade sobre a contribución das tecnoloxías sanitarias á mellora do nivel de saúde da cidadanía galega. É responsable de avaliar a información científica dispoñible sobre a eficacia, efectividade, seguridade e eficiencia das tecnoloxías sanitarias e de valorar o seu impacto sanitario, organizativo, económico e social. Promóvese así que a introdución, difusión e utilización das tecnoloxías médicas se realice empregando criterios de eficacia e seguridade demostrados cientificamente, contribuíndo deste xeito a elevar o nivel de saúde da poboación. Todos os documentos editados pola axencia están accesibles, co seu texto completo, na súa páxina web http://avalia-t.sergas.es. A primera GPC elaborada por avalia-t no marco do Plan Nacional de Guías do Plan de Calidade para o Sistema Nacional de Saúde foi a Guía de Práctica Clínica sobre o Manexo da depresión maior no adulto. No primeiro ano da súa inclusión no portal de GuíaSaúde contabilizáronse 38.000 descargas da mesma, o que confirma o alto interese dos profesionais e pacientes nestes documentos. Actualmente avalia-t, está a preparar unha nova GPC sobre a prevención e o tratamento da conduta suicida.

BiblioSaúde

Así mesmo, no transcurso da reunión foi presentado o proxecto BiblioSaúde da Consellería. Esta biblioteca virtual está constituída polo conxunto de bibliotecas do sistema sanitario público galego que traballan no desenvolvemento dun arquivo dixital para profesionais e cidadáns en xeral. O seu obxectivo é poñer a disposición dos usuarios información relevante para a toma de decisións na práctica clínica, a docencia e a investigación, ademais de fomentar a súa actualización. Con ela búscase difundir o coñecemento científico-técnico nas Ciencias da Saúde a través de Internet e reunir nun único sitio diferentes fontes de información, garantindo a calidade e actualización dos seus contidos. Por último, a reunión de hoxe serviu de preámbulo para coñecer a IX Reunión Científica da Asociación Española de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias (AEETS), que levará por título Da tecnoloxía emerxente á obsoleta: O ciclo da avaliación e se celebrará na Coruña o próximo mes de novembro.